25.1.14

O inverno

Como desexou o inverno. Someteu o corazón a fría disciplina, coa exactitude da folerpa de neve. E rodeou a súa casa de redes de arame e muros impasables, para que ninguén a rompese con maldicións, puños, ameazas... nin con amor tampouco.

O texto é unha mala versión prosificada dun poema de Sylvia Plath
A imaxe é a "Paisaxe de neve" de Cuno Amiet

3 comentarios:

Rafa Lobelle dijo...

Benquerida Berta:
Quero darche as grazas. Non atopando mellor lugar fágoo a través deste teu blog que sigo dende fai un tempo, mais no que nunca me decidira a intervir. Preguntaraste a que ven este inesperado agradecemento virtual. Direiche.
O outro día por fin logrei facerme cun exemplar do teu último libro de poemas, "Raíz da Fenda", logo de pescudar en varias librerías (aquí ao interior do país as novidades editoriais chégannos un chisco máis tarde, semella que como case todo) ao final acabei mercándoo na capital. Levaba tempo agardando lelo, tiña ese presentimento estraño que me acontece con certos libros e que me di "este non te vai defraudar". Teño levado chascos, recoñézoo. Mais sabía case ao cento por cento que este non ía ser o caso. Gustáranme os anteriores, "Dentro" e "Corpo Baleiro", máis este último deixou en min fonda pegada. Boa proba dan as páxinas do libro case que engurradas xa das sucesivas lecturas, como follas de Outono murchadas logo dun intenso verán.

Aquí por estas terras do medio do monte (eu sonche moito do monte, reivindico o monte) ensináronme sempre que é de ben nacidos ser agradecidos e que como di miña avoa sempre: "non costa nada dar as grazas a quen as merece neniño". E eu creo que saín bo alumno e por iso dígoche, grazas Berta. Grazas por escribir este libro de poemas ao meu ver marabilloso e cheo de sentimentos crús e sinceros que chegan moi dentro.
Se me permites unha confesión, direiche que en parte grazas á túa obra animeime a comezar a escribir dun tempo para acá. A dar o paso de contar, exporse ao público, coa humildade tímida do aprendiz. Eu que sempre fun un lector atento, en especial á poesía, nunca me animara a crear. De aí a sorpresa cando che dan algún premio que non agardo e máis estando no xurado escritores e escritoras a quen admiro. A eles e elas xa lles din o meu agradecemento, mais non a ti Berta e creo sinceramente que se eu me animei a escribir foi ,ademais de polo propio momento da viña vida que atraveso, polo exemplo de xente coma ti, pois aínda sen coñecerte e parafraseando ao gran Delibes, "a sombra do ciprés é alongada". Un é o que le.
Os teus libros particularmente teñen significado moito neste últimos anos da miña vida, non sei se por certa afinidade xeracional (eu son do 88) ou por causa dos vaivéns dos días tumultuosos. Os teus libros estaban aí, facendo boa compaña e como di miña avoa, a quen o merece hai que darlle as grazas.
Vaia logo este meu agradecemento sincero Berta, non tendo outro xeito mellor, unha fonda aperta dende o interior da Patria, dende o sabugo mesmo da Terra.

P.D. Agardo tamén poder ir visitar pronto Faith, como dicía Zeltia no outro comentario de arriba. E xa teño o presentimento que este non me vai defraudar tampouco.

confabularionovo dijo...

Ola Rafa!
As grazas teño que darchas eu a ti por achegarte ao meu libro das fisuras, alégrome moito de que che gustase. Deséxoche moitísimos éxitos na escrita e que as palabras nos sigan levando polo camiño dos soños. Por suposto, estaremos encantadas Emma e mais eu de que nos visites en Faith, se che apetece :)
Apertas!
Berta

Andrés Vara dijo...

Acabo de programar para dentro de un mes otro poema de "Raíz da fenda" en mi blog. No encuentro otra vía para comunicártelo que esta. Tampoco sé cómo apañármelas para conseguir tus otros libros de poemas. ¿Me puedes dr una pista?

De acuerdo en todo lo que te dice ese otro rapaz.

Te pido excusas por no escribirte en galego, como me gustaría. Amo, respiro esa lengua, pero la lejanía me obliga a ser respetuoso.

Apertas.