16.11.13

É tarde de máis, non podemos gañar


Non lin nada de Abbie Hoffman e —aquí fala só o prexuízo— non creo que me interesasen os seus libros nesta altura. O que coñezo del, si. 

Hoffman foi o responsable de convocar a manifestación que, nos anos da guerra do Vietnam, reuniu a cincuenta mil persoas arredor do Pentágono coa vontade de facelo levitar coa suma das súas enerxías psíquicas, nunha de moitas fórmulas de protesta ensaiadas polos Yippies (o partido do que foi cofundador), nas que se usaban o teatro e o humor.  Tamén me interesa del que foi un fuxitivo, que o guitarrista de The Who, Pete Townshed, o golpeou cunha guitarra no escenario durante o festival de Woodstock do 69, que foi compañeiro de aulas de Marcuse e que escribiu unha nota de suicidio que dicía: "É tarde de máis, non podemos gañar, tornaron demasiado poderoros", antes de acabar coa súa vida o día de George Bush pai ascendía ao poder. 

As notas de suicidio son un xénero que me fascina, sobre todo se son así, escuetas, para a posteridade, escritas para a literatura e non para os beloved ones. Aínda que Hoffman non escribiu nunca literatura, que eu saiba, varias das frases atribuídas a el poderían ser perfectamente notas de suicidio de personaxes literarios interesantísimos: "a liberdade de expresión significa poder berrar 'teatro' nun incendio atestado" ou "a democracia mídese pola liberdade que concede aos seus disidentes, non pola que lle outorga aos conformistas asimilados" e, sobre todo, esta outra, "eramos novos, eramos arrogantes, eramos ridículos, eramos excesivos, eramos imprudentes, mais tiñamos razón"

Podo imaxinar cada unha das historias que rematarían con estas sentencias exactas.


No hay comentarios: