21.6.13

Hai feridas que botan raíces


[escribín este texto hai case un mes, mais non atopara o momento de penduralo por aquí]

Lembro que houbo un día, alá polo ano 2008, no que souben que estaba a escribir este libro, Raíz da fenda. Dos poemas que anotaba daquela nun caderno de pautas azuis, só perviviu o último dos que figuran no poemario, que foi tamén o que me fixo decatarme de que comezaba algo.

Do mesmo xeito, pero ao revés, o derradeiro que escribín é o primeiro texto que aparece no libro, o que me fixo ser consciente de que o círculo se pechaba inevitablemente. 

Nunca me ocorrera antes algo así: ter a certeza do principio e, despois, a do final. Tamén foi o proceso de escrita máis longo e lento, menos buscado. Resultaron gratos, sobre todo, os tempos de pausa, ás veces longos, case como abandonos necesarios.

Foron, polo demais, anos de mudanzas interiores profundas que trocaron o meu xeito de escribir poesía, anos de feridas abertas, de perdas e de fisuras que me partiron en varios fragmentos.

Foron anos de paxaros de origami que saíron voando por todas partes.



Creo que xa non son a que era cando comecei o libro, e que xa non o serei máis, non porque o libro me mudase (ou talvez si) senón porque eu mudei para el.

Nunca fun tan honesta comigo nun libro de poemas. Nunca convocara antes a fenda de maneira tan directa. Nunca procurara así cada unha das fisuras, cada unha das feridas. Nunca fora, tampouco, tan dura como o é unha améndoa.

Até agora.

Hai feridas que botan raíces en nós. 
Agora preciso abandonalas, entregalas ao azar das páxinas, a ese outro lado.

Só agardo que haxa alguén que as recolla na outra beira. 


8 comentarios:

The Thing dijo...

Seica medraches?

confabularionovo dijo...

Que remedio.
Igual é que botei raíces.

The Thing dijo...

Daquela medraches cara abaixo? dar un paso atrás para colleres impulso?

confabularionovo dijo...

Iso intentaba, pero saíu este libro :)

The Thing dijo...

Entendo. E viñeches aquí a falar do teu libro.

confabularionovo dijo...

e logo onde se non aquí?

The Thing dijo...

Non criticaba a acción nin nada semellante. Estaba a "rememorar" ó señor Umbral.

confabularionovo dijo...

Así o entendera, perda coidado!
Apertas!